Logo Anpa

Logo Anpa

xoves, 3 de outubro de 2013

Información de interese

Pontevedra acolle mañá a presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez 

Este 4 de outubro, ás 20 h no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais, organizado pola Fundación Alexandre Bóveda e Edicións Xerais 
Trátase dun “libro práctico que quere animar a mellorar o uso da lingua a través de contos, anécdotas e pequenos trucos” 
(SÓ PARA OS MEDIOS: Para entrevistas co autor, Carlos Callón, poden chamar ao 639 341 586)

Mañá, 4 de outubro, o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (avenida de Santa María) acollerá a presentación do último libro do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz nacional da plataforma unitaria Queremos Galego, Carlos Callón.

A obra, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, chega á cidade do Lérez precedida dunha “moi boa acollida do público”, pois en menos dun ano está xa na súa cuarta edición, “algo máis rechamante no actual momento de estafa económica e crise editorial”. Para o autor, este éxito non só amosa que “este libro pasa a cubrir un oco que existía no mercado, dunha obra que traballase a mellora da nosa calidade lingüística cun punto de vista desenfadado”, senón que, “o máis importante para min, é outra proba de que hai unha parte significativa da sociedade galega que baixo ningún punto de vista quere que se perda o noso único idioma propio”.

A través de anécdotas e pequenos contos, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez ofrece “trucos e consellos para darmos o paso de usar a lingua galega de xeito máis vivo, máis cómodo e máis xenuíno”. Traballa para iso “cos prexuízos e mesmo cos medos aprendidos”, pois “os problemas con que nos encontramos moitas veces non son de orixe gramatical, senón social”. Por iso, esta é unha obra “pensada para que sexa útil para un público diverso, desde persoas que queren comezar a falar galego até estudantes de calquera nivel ou persoas que desexen melloralo”.

O autor, para alén de presidente da Mesa e portavoz nacional de Queremos Galego, é profesor de Lingua e literatura galega. Ademais doutras obras, publicou os ensaios sobre sociolingüística En castellano no hay problema (Xerais, 2010) e Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (Xerais, 2011). Polo seu labor como escritor gañou, entre outros, os premios Vicente Risco de Ensaio, Redelibros de Ensaio, Fervenzas Literarias de Ensaio, Fernández del Riego de Poesía, Concello de Ames de Poesía, Concello de Carballo de Xornalismo e Lauro Olmo de Teatro.

Moitas grazas pola atención.

A Mesa pola Normalización Lingüística

Ningún comentario:

Publicar un comentario